Comentario crítico dos temas 1, 2 e 3
Introdución
A noción de plurilingüismo constitúe un piar fundamental no ámbito do ensino e aprendizaxe das linguas, xa que parte da idea de que os individuos non organizan os seus coñecementos lingüísticos e culturais en compartimentos independentes. O plurilingüismo fala de que estes coñecementos se atopan interconectados e en constante interacción, conformando así un repertorio lingüístico dinámico, que favorece unha comunicación eficaz. Deste xeito, as linguas e culturas que forman parte do repertorio lingüístico e do repertorio pluricultural do individuo non se conciben como realidades illadas, senón como elementos que se apoian mutuamente e contribúen ao desenvolvemento dunha competencia comunicativa global. Sobre isto fala Moreno García (2010, p. 123): "Cada lengua conlleva implícitamente una concepción de la realidad [...] puede afirmarse que el lenguaje representa o refleja la realidad".
Desenvolvemento
Esta concepción de plurilingüismo —que vén recollida polo MCER— conduce inevitablemente a outra concepto clave no ámbito da comunicación e o ensino das linguas: a mediación. A mediación pode considerarse como unha das dimensións máis descoñecidas tanto para os docentes como para os estudantes, pois é relativamente recente no MCER, e, por tanto, constitúe un ámbito menos investigado, menos coñecido e máis complexo de abordar; malia isto, a súa relevancia é incuestionable, pois actúa como elemento transversal que non só conecta, senón que tamén engloba o resto de disciplinas. Ademais, a mediación está presente en todas as etapas educativas nas que existe ensino de linguas estranxeiras, incluída a Educación Primaria. Precisamente pola súa regulación no MCER, constitúe un referente común e presente en toda Europa.
Retomando a noción de plurilingüismo, este tamén aparece definido do MCER. Neste contexto, tamén cobra especial relevancia a competencia pluricultural (relacionada co concepto do repertorio pluricultural), e que fai referencia á capacidade de recoñecer, interpretar e respectar as diferenzas culturais.
Outro concepto importante a ter en conta é o enfoque orientado á acción, baseado na contextualización de aprendizaxes, na súa adaptación a situacións reais. Tamén vén definido polo MCER, e está moi relacionado coa mediación, pois todas as actividades de mediación posúen este tipo de enfoque. Os aprendices constitúen axentes sociais, involucrados no proceso de aprendizaxe, que ten un propósito concreto (non lingüístico). Con este tipo de enfoque está relacionado o traballo por proxectos, relacionado tamén co mundo real, personalizado (o alumno ten poder de decisión) e moi significativo. O alumnado debe indagar, aprender mediante traballo colaborativo e compartir resultados.
A cuestión da aprendizaxe colaborativa (xunto co enfoque orientado á acción e o traballo por proxectos) leva a outro punto: a co-construción do significado. A interacción colaborativa entre aprendices é a base da aprendizaxe das linguas, e require de habilidades plurilingües e pluriculturais. O profesor Christian Puren, ao respecto da cuestión da perspectiva accional ou do enfoque orientado á acción, destaca o seguinte:
La expresión "perspectiva accional" utilizada por los autores del MECRL para denominar la nueva orientación didáctica no es, por consiguiente, del todo satisfactoria porque cada metodología constituida ha tenido su propia "perspectiva accional" que la diferencia de las otras [...]. Si consideramos toda la evolución metodológica de los últimos cien años en Europa, nos damos cuenta de que la especificidad de la reciente perspectiva accional del Marco europeo común es la de ser una perspectiva que propongo llamar "co-accional" porque pone énfasis en la dimensión colectiva de las acciones y en la finalidad social de las mismas. (Puren, 2012, p. 55)
Por tanto, tal e como apunta o autor, ao falarmos do enfoque orientado á acción é crucial destacar o seu compoñente colectivo, colaborativo, de co-construción do significado.
Conclusións
Dende unha perspectiva crítica, a aplicación dos principios do plurilingüismo, a mediación ou o enfoque orientado á acción (ou co-accional) presenta numerosos beneficios, mais tamén algúns retos que cómpre ter en conta. A súa implementación permite afastarse dun modelo tradicional, centrado exclusivamente na aprendizaxe memorística ou illada da lingua meta, para así avanzar cara unha concepción máis integrada e contextualizada. Isto reforza a autoestima lingüística do alumnado, e permite reducir a ansiedade asociada á equivocación, coñecida como ansiedade lingüística ante unha lingua estranxeira ou foreign language anxiety, sobre a que xa se ten publicado moito dende que Horwitz introducise o concepto na década dos oitenta:
Second language researchers and theorists have long been aware that anxiety is often associated with language learning. Teachers and students generally feel strongly that anxiety is a major obstacle to be overcome in learning to speak another language, and several recent approaches to foreign language teaching, such as community language learning and suggestopedia, are explicitly directed at reducing learner anxiety. (Horwitz et al, 1986, p. 125)
Polo tanto, xa no tempo da publicación do artigo que lle daba nome a este problema se falaba dunha solución atravesada por unha aprendizaxe colectiva, comunitaria, que posteriormente foi renomeada por autores como Puren como enfoque co-accional.
Dende o meu punto de vista, un dos principais beneficios deste enfoque co-accional, contextualizado e significativo é que aumenta a motivación do alumnado: a aprendizaxe contextualizada e que ten en conta tanto coñecementos como intereses previos favorece unha maior participación do alumnado. Ademais, ao conectar as linguas do repertorio lingüístico do alumnado entre si, os aprendices poden desenvolver a súa conciencia lingüística dende idades temperás, ao tempo que se lles permite desenvolver destrezas como mediadores lingüísticos.
En calquera caso, tamén é necesario ter en conta os obstáculos que afronta esta metodoloxía: a falta de formación específica de profesorado ante a recente incorporación da mediación no currículo, a falta de tempo ou a falta de recursos. A presión por cumprir cos obxectivos e contidos establecidos pode dificultar a incorporación de actividades de mediación ou plurilingües, de xeito que poden quedar relegadas a un segundo plano fronte a outras destrezas máis "tradicionais". É por isto que é necesario formar ao profesorado nunha destreza tan significativa como é a da mediación, dándolle as ferramentas para que poidan integralo de xeito efectivo nas súas aulas, fomentando así a participación, a motivación, o plurilingüísmo, a conciencia lingüística do alumnado e o traballo cooperativo.
Bibliografía
Horwitz, E. et al. (1986). "Foreign Language Classroom Anxiety." The Modern Language Journal, vol. 70, no. 2, 1986, pp. 125-32. JSTOR, https://doi.org/10.2307/327317. Recuperado o 4 de febreiro de 2026.
Moreno García, M. E. (2010). El plurilingüismo como necesidad en la sociedad actual. Pedagogía magna, (8), 120-126. Recuperado o 4 de febreiro de 2026.
Puren, C. (2012). Del enfoque por tareas a la perspectiva co-accional. Enunciación, 17(2), 155-160. Recuperado o 4 de febreiro de 2026.
Ola María,
ResponderEliminara túa entrada pareceume moi interesante.
Coincido contigo en que a mediación segue sendo unha gran descoñecida, a pesar do seu potencial. Creo, como ti, que pode transformar moito a aula se realmente se integra ben.
Chamoume moito a atención que relacionases todo isto coa ansiedade lingüística a partir de Elaine Horwitz. É verdade que ás veces falamos de metodoloxías sen pensar no impacto emocional que teñen no alumnado, polo que pareceume moi interesante que o mencionaras.
Boas María! Que gusto ler esta entrada! Deume a impresión de que é moi sólida e, sobre todo, que a información está moi ben sustentada. Gustoume que non te quedases só nunha descrición “xeral” do plurilingüismo senón que o conectases coa idea de repertorio dinámico e coa competencia pluricultural, porque ao final é o que lle dá sentido real ao concepto de que as linguas non van soas pola súa carreira. Tamén me pareceu interessante que ligases plurilingüismo e mediación como dimensións inseparables, eu tamén tiven esa sensación durante as sesións que demos na aula, sobre todo cando a mediación entra en escena, e o enfoque deixa de ser “aprender lingua” e pasa a ser “usar a lingua para facer algo", ou como ferramenta. Chamoume a atención (para ben) que introduzas a crítica de Puren sobre a perspectiva “co-accional”. Paréceme un matiz moi interesante porque pon sobre a mesa algo que ás veces damos por feito: que a acción non é só individual, senón social e colectiva. En tono con esto, tamén me parece moi pertinente que menciones a "foreign language anxiety" e como os enfoques colaborativos poden axudar a reducir esa presión por “falar perfecto”. Nese punto coincido totalmente: moitas veces o medo ao erro pesa máis ca a falta de coñecemento. Sobre a actividade de comprensión oral de "Venice’s Carnival·, paréceme que está moi ben pensada, xa que o pre-visionado coa activación de coñecementos e o glosario axudan moito a que a comprensión non sexa frustrante, e o post-visionado con roles (turistas/local) encaixa perfectamente coa idea de acción e co-acción. Ademais, a motivación por situar a tarefa antes do Entroido paréceme un acerto total, coa contextualización real e conexión cultural, que é o que moitas veces falta nas tarefas de "listening". En resumo, paréceme unha entrada moi completa, con base teórica e cunha vontade clara de levala á práctica. Dá gusto ler unha reflexión tan ben armada e ao mesmo tempo crítica. Parabens!
ResponderEliminarBoas, María! Parabéns pola túa entrada sobre os primeiros temas da materia, pareceume moi completa e que a complementas con artigos moi interesantes.
ResponderEliminarEn primeiro lugar, destaco o xeito que tiveches ao enlazar os conceptos de plurilingüismo, mediación e o enfoque orientado á acción co MCER. En particular, valoro a túa reflexión sobre o concepto de plurilingüismo no que apuntas que o repertorio pluricultural non son realidades illadas senón que son elementos interdependentes que facilitan a aprendizaxe dunha nova lingua estranxeira.
En segundo lugar, subliño a túa aportación sobre a autoestima lingüística do alumnado que se establece a través dun proceso de ensino-aprendizaxe orientado á acción e desenvolvido de xeito colaborativo que fai que se evite a ansiedade lingüística que moitas de nós, desgraciadamente, coñecemos.
En xeral, a aproximación da túa entrada paréceme moi acertada: a análise dos factores afectivos na aprendizaxe dunha lingua estranxeira paréceme moi útil como docente para reflexionar sobre a metodoloxía idónea a empregar. Moitas grazas polas túas reflexións.
Un saúdo!