Diario de aula (temas 1, 2 e 3): Breve autodescrición. O meu perfil plurilingüe
Como é o teu perfil plurilingüe? Cales son as túas principais características e experiencias lingüísticas e comunicativas?
A miña lingua nai é o galego, posto que é a miña lingua familiar e a
lingua que se fala na miña casa. O meu primeiro contacto co castelán
produciuse ao comezar a etapa escolar, polo que actualmente domino ambas
linguas.
Ao inicio da Educación Primaria comecei a aprender inglés, lingua que levo
estudando de maneira ininterrompida dende entón. Máis adiante, ao comezar a
Educación Secundaria Obrigatoria, inicie tamén o estudo do francés, lingua
que continuei aprendendo ata 2º de carreira, acumulando un total de oito anos
de aprendizaxe da lingua francesa. Durante a miña etapa en Secundaria, ademais,
cursei alemán como actividade extraescolar durante dous anos.
Xa durante a etapa universitaria, anoteime a clases de lingua de signos,
o que me ofreceu a posibilidade de achegarme a unha nova forma de comunicación
e a unha realidade lingüística distinta ás que coñecía ata o momento.
En resumo, considero que teño unha competencia moi fluída en galego, castelán
e inglés e unha competencia intermedia en francés. Por outra banda, considero
que a miña competencia en alemán e lingua de signos é básica.
No relativo ás miñas características e experiencias lingüísticas, dende moi
pequena amosei un gran interese polas linguas (especialmente pola lingua
inglesa) e tiven gran facilidade para a súa aprendizaxe (canto menos, en
comparación con outras materias). Dende a infancia —e aínda a día de hoxe— consumo
moito contido audiovisual en inglés, e tamén leo moito nesta lingua, o que
contribuíu a desenvolver as miñas destrezas nas disciplinas do writing, listening
e reading. Pola contra, considero que a miña competencia no speaking
é algo menor, debido a que é a destreza que menos oportunidades de práctica me
ofrece o meu contexto cotián.
Ao longo da miña adolescencia tiven, ademais, a sorte de levar a cabo
varias inmersións lingüísticas de varios días no estranxeiro, concretamente en Dublín,
Londres, Winchester e diferentes lugares de Francia. Estas experiencias
resultáronme moi enriquecedoras, non só en canto á toma de contacto da lingua
en situacións reais, senón tamén en canto á inmersión cultural e á toma de
contacto coa cultura deses lugares aos que viaxei.
Cales son os teus obxectivos como docente? Cal é o
teu punto de vista sobre o plurilingüismo no ensino de idiomas?
Gustaríame exercer como docente de galego, e o meu principal obxectivo é o
de facer que o alumnado aprecie a lingua e se vexa motivado para aprendela e
falala de xeito activo. Dende o meu punto de vista, considero fundamental que o
alumnado vexa a nosa lingua como un instrumento vivo, útil e presente na súa
realidade cotiá.
Agardo que a cultura e a literatura cobren unha especial importancia nas
miñas clases, xa que considero que adoitan ter unha presenza máis ben reducida
nas clases de linguas malia a súa crucial importancia. Gustaríame que esta
situación mudase, pois considero que son elementos que contribúen de maneira
significativa á adquisición e á mellora da competencia lingüística, ao tempo
que favorecen a conciencia cultural, o respecto pola diversidade lingüística, a
motivación e a contextualización.
Ademais, gustaríame fomentar o enfoque comunicativo da lingua: se ben é
certo que considero que un idioma non debera reducirse soamente á súa función
comunicativa, tamén creo —en base á miña experiencia propia, sen ir máis lonxe — que o speaking é a destreza para a que
menos oportunidades de práctica podería ter o alumnado fóra da aula (de maneira
xeral). Pola contra, considero que existen numerosos recursos e ferramentas —como
o libro de texto ou materiais dixitais — que lles axudarían a practicar o resto de destrezas. É por esta serie de
cuestións que me gustaría que o speaking cobrase unha especial
relevancia nas miñas clases.
En canto ao meu punto de vista no relativo ao papel do plurilingüismo nas
aulas de idiomas, considero que o repertorio lingüístico do alumnado é unha
ferramenta valiosísima para o proceso de ensino-aprendizaxe. Partindo da base
de que o alumnado que sabe máis dunha lingua ten máis capacidade para adquirir
novas linguas, e tendo en conta que o uso exclusivo da lingua estranxeira na
aula é, na práctica, un ideal difícil de acadar no noso sistema educativo, non
considero realista nin necesario aspirar a que o alumnado empregue unicamente a
lingua estranxeira nas clases de LE. Ademais, como digo, o repertorio
lingüístico do alumnado e os seus coñecementos previos poden constituír unha
ferramenta valiosísima na mediación de linguas, facilitando unha maior
comprensión, asimilación, asentamento e adquisición de novos coñecementos.
Pensa nun exemplo dunha actividade plurilingüe que
se pode levar a cabo na aula.
Ocórreseme levar a cabo unha actividade titulada Our Multilingual School,
que terá un carácter plurilingüe posto que integrará as linguas presentes no
centro educativo (galego, castelán, francés e inglés). A metodoloxía empregada
partirá dun enfoque de Aprendizaxe-Servizo (ApS): o alumnado traballará
contidos lingüísticos ao tempo que contribuirá de xeito activo á mellora e
accesibilidade do centro educativo mediante a creación de materiais reais e
funcionais. O alumnado elaborará un produto útil para a comunidade educativa, e
verá recoñecido o seu traballo, exposto nos espazos comúns, fomentando así a
motivación, a autonomía e a responsabilidade.
A actividade consistirá na elaboración de carteis informativos, que serán
colocados nos corredores e espazos comúns, favorecendo a visibilización e a
integración das linguas do centro e a familiarización do alumnado de xeito
significativo nun contexto real.
Para o desenvolvemento da actividade, cada alumno recibirá tres textos
breves (cada grupo recibirá un texto distinto), adaptado ao seu nivel de
competencia lingüística, redactado nunha das linguas que se imparten no centro:
galego, castelán ou francés. Serán textos sinxelos, cunha función comunicativa
clara e cun léxico de dominio do alumno. A partir deste texto, en agrupamentos
de 3 alumnos feitos pola docente, cada grupo deberá levar a cabo unha versión
en inglés, para o que se apoiará en:
-
Os
seus coñecementos previos noutras linguas do seu repertorio lingüístico
-
A
co-construción de coñecemento
-
Estratexias
de transferencia lingüística e tradución
-
Recursos
de apoio: glosarios, dicionarios, a docente...
Esta actividade poderá levarse a cabo en todos os cursos da ESO e en
Bacharelato, adaptando os textos e o seu nivel de dificultade (extensión,
complexidade, grao de autonomía nas traducións, recursos...) aos distintos
cursos. No caso dos textos en francés, estes só serán traballados naquelas
aulas da ESO e Bacharelato nas que o alumnado curse a materia.
En canto ás indicacións e obxectivos xerais, non se buscarán tanto
traducións literais, senón que o alumnado sexa capaz de adaptar as mensaxes
entre as distintas linguas, fomentando así a súa visión integrada e o enfoque
plurilingüe. Deste xeito, evidenciarase para o alumnado que o coñecemento dunha
lingua facilita a aprendizaxe doutras. En canto aos obxectivos concretos, estes
son:
-
Desenvolver
a competencia plurilingüe mediante a integración de linguas
-
Fomentar
a transferencia lingüística entre as distintas linguas
-
Mellorar
a competencia comunicativa en lingua inglesa
-
Promover
a conciencia metalingüística
-
Favorecer
a autonomía, a motivación e o respecto do alumnado pola diversidade lingüística
e cultural
Como exemplo, para 1º ESO, a partir do texto en galego “Lembra falar en voz
baixa nos corredores para non molestar ás clases”, o alumnado podería dispoñer
a seguinte versión en inglés: Please speak quietly in the corridors to avoid
disturbing other classes. No caso dun texto en francés como Merci de
respecter le matériel scolaire et les espaces communs, o alumnado podería
levar a cabo unha proposta como Please respect school materials and common
areas.
Comentarios
Publicar un comentario