Diario de aula (Temas 1, 2 e 3): Actividade de mediación "Lights, Camera... Film Night!" (Eider Carballeira Domínguez e María Rodríguez Valcárcel)

 

GRUPO 1: María Rodríguez Valcárcel e Eider Carballeira Domínguez


Nome da actividade: Mediation activity: “LIGHTS, CAMERA… FILM NIGHT!”


Nivel e idioma: B1/B2 (2º Bacharelato), Inglés


Temporalización: Unha sesión de 50 minutos


Tipos de mediación utilizados: A actividade baséase nunha mediación oral, posto que o acto de mediación consiste nunha conversa entre dous participantes (Candidato A e Candidato B). A mediación consiste no traslado de información sobre as dúas infografías dadas: o alumnado debe interpretar, seleccionar e transmitir información relevante contida nas dúas infografías presentadas. O propósito comunicativo da actividade é chegar a unha decisión consensuada a través do diálogo e o debate, defendendo opinións propias e negociando co interlocutor.


Obxectivos da actividade:

A actividade ten por finalidade o desenvolvemento das seguintes destrezas:

  • Capacidade de síntese (sobre o texto base) e reformulación dunha información dada (construción dun texto meta)

  • Expresión oral, creando un discurso fluído e coherente

  • Uso de distintas estruturas gramaticais en contextos reais

  • Debate e toma de decisións


Como se desenvolve a actividade: Esta actividade constitúe unha práctica dunha posible situación real á que se enfrontaría o alumnado de 2º Bacharelato durante a excursión de fin de etapa que farán durante o mes de xullo a Londres. Para poñer esta posible situación en práctica, o docente organiza aos alumnos en parellas, asignando a cada membro o rol de Candidato A ou Candidato B. Cada candidato recibirá unha infografía diferente, que contén información sobre unha opción de cine en Londres.

Concédese un tempo para que o alumnado lea con atención as instrucións, as preguntas orientadoras e a infografía que se lle asignou. Por quendas, cada candidato deberá explicarlle ao seu interlocutor a información da súa infografía, defendendo por que considera que a súa opción é a mellor alternativa. O Candidato A defenderá a opción de Cineworld, destacando que ofrecen palomitas gratuítas e a proxección de dúas películas; o Candidato B optará por Odeon Cinema, facendo fincapé nun desconto de 3£ sobre o prezo da entrada.


Unha vez expostas ambas opcións, os dous participantes deberán debater, comparando vantaxes e inconvenientes e negociar, chegando así a unha decisión conxunta sobre a que cine asistir.


Contextualización da actividade (instrucións para o alumnado): 


Vostede debe planificar, xunto co candidato A/B, unha actividade de cine á que asistir durante a súa viaxe de fin de estudos a Londres. Debe compartir a información dispoñible na súa infografía, defender a súa alternativa (mantendo unha postura distinta ao candidato contrario) e chegar a unha decision consensuada.


Materiais da actividade:



Avaliación da actividade:

Criterios

Sobresaínte

Notable

Aprobado

Insuficiente

Mediación

Reformulo a información con claridade e corrección en base ao contexto

Reformulo a información de forma xeralmente clara en base ao contexto

Reformulo pouco a información e de forma pouco clara


Non reformulo de forma clara e/ou limitome a repetir a información sen adaptala

Expresión oral

O meu discurso é  fluído, coherente e comprensible, con pronunciación e entoación

O meu discurso é maioritariamente fluído, con pequenas pausas ou erros que non dificultan a comprensión

A miña fluidez é  limitada con pausas frecuentes e erros que dificultan a comprensión

O meu discurso ten moitas pausas e erros que dificultan gravemente a comprensión

Uso da lingua 

Emprego estruturas e léxico axeitados ao contexto con corrección e variedade

Emprego estruturas e léxico adecuados ao contexto, con erros ocasionais

Uso de xeito limitado  estruturas e léxico, con erros frecuentes

Uso de xeito moi limitado e incorrecto a lingua, impedindo a comunicación 

Debate e toma de decisións

Participo activamente, respondo ao compañeiro, fago preguntas e favorezo o diálogo. Contribúo claramente á toma dunha decisión consensuada

Participo frecuentemente e respondo ás intervencións do compañeiro. Participo na decisión final e mostro actitude colaborativa

Participación pouco frecuente; respondo de forma breve ou pouco elaborada. Acepto a decisión pero con escasa implicación na toma desta

Case non participo ou interactúo co compañeiro. Non colaboro nin contribúo á toma de decisións


Motivación (razóns polas que escollou esta actividade): Esta actividade resulta especialmente interesante e motivadora para o alumnado, posto que parte dunha situación próxima aos seus intereses e á súa realidade inmediata. Ao estar vencellada á viaxe de fin de etapa a Londres, preséntase como unha situación verosímil á que poderían enfrontarse durante a súa estancia alí. Deste xeito, búscase contextualizar a aprendizaxe, favorecendo a implicación do alumnado e creando unha situación de aprendizaxe significativa, baseada nunha posible realia e nun contexto auténtico de uso do inglés.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Comentario crítico do tema 11

Comentario crítico dos temas 1, 2 e 3

Diario de aula (temas 1, 2 e 3): Actividade de comprensión oral: Discovering Venice’s Carnival (Eider Carballeira Domínguez e María Rodríguez Valcárcel)