Diario de aula (tema 11): Deseño dunha avaliación formativa para a mediación creada (Eider Carballeira Domínguez e María Rodríguez Valcárcel)

Na clase do día 9 de febreiro volvemos sobre a actividade de mediación; neste caso, deseñamos unha avaliación formativa para esta actividade, en base ao proposto, os obxectivos e a rúbrica.

A nosa proposta foi a seguinte:

Deseñar avaliación formativa para a actividade de mediación creada, tendo en conta:

  • Como imos aclarar, compartir e comprender as intencións da aprendizaxe e os criterios de avaliación?

Previamente á realización do actividade, tras explicar as instruccións, compartirase co alumnado os obxectivos e a rúbrica, de xeito que se expliquen ambos pormenorizadamente e teñan acceso a eles durante todo o proceso de realización da actividade. Darase tempo para comprender, comentar e resolver dúbidas sobre as ferramentas achegadas.

  • Como imos obter evidencia de que a aprendizaxe está a ter lugar?

A docente, a través dunhas fichas individuais de cada alumno, levará a cabo un rexistro no que quedará constancia da realización das actividades e de como esta se axusta aos criterios establecidos, así como se cumpre ou non cos obxectivos. De ser posible, co previo permiso parental, a realización oral do exercicio será gravada mediante unha gravadora para poder revisala en posibles reclamacións sobre a nota, de non estar o alumnado conforme con esta.

  • De que forma imos proporcionar feedback?

Ao rematar o exercicio, o alumnado recibirá as fichas individuais levadas a cabo polo profesora, nas que, de xeito explícito, se relacionará a realización do traballo do alumnado cos obxectivos e a rúbrica. Este informe de realización e progreso incluirá, ademais, comentarios e observacións, así como recomendacións para a mellora daquelas áreas nas que a docente detectou debilidades. En base a este informe, o alumnado poderá progresar na súa aprendizaxe, recibindo información sobre os seus puntos fortes é débiles.

  • Como imos aproveitar a coavaliación como axuda para a aprendizaxe?

Nos últimos 5 minutos da clase, entregaráselle unha ficha a cada parella, na que levarán a cabo non só unha co-avaliación, senón tamén unha auto-avaliación, na que valorarán o seu traballo en base á rúbrica inicial. Deste xeito, levarán a cabo unha reflexión sobre o seu propio traballo, fomentando o pensamento crítico. Por outra banda, a docente poderá ter acceso ás opinións e valoracións do alumnado, podendo servirlle estas como segunda opinión para a súa propia avaliación.

  • Como imos facer que cada alumno sexa responsable da súa aprendizaxe?

A docente asegurará que o alumnado sexa conciente en todo momento de como están levando a cabo a aprendizaxe: nun primeiro momento, faráo reflexionar sobre o que se lles pide e os obxectivos que deben acadar coa realización da actividade. Para esta reflexión, dedicarase un tempo de aula a presentar os obxectivos e revisar a rúbrica de xeito cooperativo, resolvendo dúbidas e explicando cada obxectivo e cada criterio de xeito pormenorizado. En segundo lugar, durante a realización, poderán tomar decisións autónomas en colaboración coa súa parella sobre como van realizar a actividade, para o que será necesario que reflexionen; por último, coa axuda da co-avaliación e a auto-avaliación, reflexionarán e valorarán o seu nivel de implicación, autonomía e responsabilidade, entre outros criterios.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Comentario crítico do tema 11

Comentario crítico dos temas 1, 2 e 3

Diario de aula (temas 1, 2 e 3): Actividade de comprensión oral: Discovering Venice’s Carnival (Eider Carballeira Domínguez e María Rodríguez Valcárcel)